No marco de Ollos no monte-Vigo, a Mancomunidade traslada ás súas brigadas as novas condicións de traballo ante risco de incendio

A Consellería do Medio Rural publicou no Diario Oficial de Galicia a Orde pola que se regula a utilización de maquinaria durante a época de perigo alto nos días nos que o Índice de Risco Diario de Incendio Forestal —IRDI— acade os niveis de moi alto ou extremo. A norma afecta aos traballos que se realicen en terreos forestais e tamén nas súas zonas de influencia (VER NORMATIVA PUBLICADA NO DOG o 29/6/26)
A orde autoriza, con carácter xeral, a realización de traballos preventivos, silvícolas ou agrícolas que requiran maquinaria agrícola ou forestal durante a época de perigo alto, mesmo cando o IRDI sexa moi alto ou extremo, sempre que se cumpran as recomendacións e condicións recollidas no Pladiga 2026. Porén, introduce unha limitación especial na franxa horaria comprendida entre as 12.00 e as 18.00 horas, período no que o risco se incrementa pola maior radiación solar e polas condicións ambientais propias do verán.

Instrución de traballo para as brigadas da Mancomunidade de Montes de Vigo
Durante a época de perigo alto, antes de iniciar calquera traballo con maquinaria agrícola ou forestal nos montes ou nas súas zonas de influencia, as brigadas deberán consultar o IRDI que se trasladará polo mecanismo de coordinación interno da Mancomunidade.
a) Nos días nos que o índice sexa baixo, moderado ou alto, os traballos desenvolveranse aplicando as medidas habituais de prevención, seguridade e vixilancia, conforme ao Pladiga e ás instrucións da comunidade de montes correspondente.
b) Nos días nos que o IRDI sexa moi alto ou extremo, poderán realizarse traballos preventivos, silvícolas ou agrícolas con maquinaria, pero deberanse extremar as precaucións. Na franxa de 12.00 a 18.00 horas, só se poderá traballar se se dispón de maneira inmediata dos seguintes medios persoais e materiais:
- Persoa responsable de vixilancia, detección temperá de posibles conatos de incendio e aviso inmediato aos servizos de emerxencia a través do 085a ou da aplicación móbil Alume.
- Vehículo equipado con dous batelumes, un extintor de polo menos 6 quilogramos e unha mochila extintora cunha capacidade mínima de 15 litros. As comunidades de montes que dispoñan depósito de auga móbil (recomendable mínimo de 400 litros) deberanno ter a disposición
- Recoméndase que se planifiquen os traballos con maquinaria nas primeiras horas da mañá, evitando sempre que sexa posible a franxa central do día. Cando resulte imprescindible traballar entre as 12.00 e as 18.00 horas, deberá verificarse previamente que se cumpren todos os requisitos establecidos pola orde. De non dispoñer dos medios persoais e materiais obrigatorios, os traballos con maquinaria deberán ser adiados ou reorganizados.
- Tamén se lembra a necesidade de manter a maquinaria en bo estado, revisar os elementos susceptibles de producir chispas ou quecementos, evitar traballos en condicións de vento forte ou temperaturas moi elevadas.
Infografía publicada en relación coa nova normativa:
