Os montes de Vigo acollen a Trail 14k do circuito Entre Pontes promovido pola Deputación de Pontevedra

O Parque Forestal de Beade converteuse este luns 12 de outubro nun punto de encontro para o deporte, a natureza e a convivencia coa celebración da X edición do Trail nos Montes de Vigo, unha cita que reuniu arredor de 800 deportistas nas distintas modalidades programadas.
A xornada foi organizada pola Área de Deportes da Deputación de Pontevedra, en colaboración coa Mancomunidade de Montes de Vigo, a Comunidade de Montes de Beade e a Entidade Local Menor de Bembrive, no marco das accións destinadas a promover o uso recreativo, deportivo e social dos montes periurbanos de Vigo.
A proba formou parte do circuíto provincial Entre Pontes Trail & Running e tivo como escenario os montes de Beade e de Bembrive, cun percorrido principal de 14 quilómetros e 380 metros de desnivel. A competición contou tamén con dúas andainas non competitivas, unha de 4,6 quilómetros e outra familiar de 2,9 quilómetros, ademais de carreiras infantís adaptadas ás distintas idades.
Na modalidade competitiva, Anxo Otero, do Servisub Bueu, e Olalla Saborido, do Veteranos de Samil, proclamáronse vencedores nas categorías masculina e feminina, respectivamente.

Dez edicións promovendo o deporte e o uso social do monte
A celebración desta décima edición de Trail promovidas pola Mancomunidade de Montes de Vigo pon de manifesto a consolidación dunha iniciativa que permite achegar os montes de Vigo á cidadanía a través da práctica deportiva e das actividades ao aire libre. Máis alá da competición, a combinación de trail, andainas e probas infantís facilita a participación de persoas de diferentes idades e condicións físicas, favorecendo o coñecemento e o goce destes espazos naturais próximos á cidade.
O Parque Forestal de Beade acolleu tamén unha zona de convivencia con actividades de animación e comida para as persoas participantes, completando unha xornada festiva na que o monte foi protagonista.

Os montes periurbanos, un espazo para gozar e conservar
Para a Mancomunidade de Montes de Vigo, a colaboración neste tipo de iniciativas forma parte do seu compromiso coa posta en valor dos servizos recreativos, culturais e sociais que proporcionan os montes veciñais. Os montes de Vigo constitúen unha infraestrutura verde esencial para a cidade, que ofrece oportunidades para o deporte, o sendeirismo, a educación ambiental e o contacto coa natureza. Promover o seu uso responsable e favorecer que a cidadanía os coñeza e valore contribúe tamén a reforzar o compromiso colectivo coa súa conservación, xestión sostible e prevención dos incendios forestais. Esta X edición é, neste sentido, unha nova mostra do potencial dos montes periurbanos de Vigo como espazos de encontro entre natureza, deporte e sociedade.
