Presentación da X Andaina polos montes de Vigo que se celebra o 11 de maio

Acto de presentación da X Andaina polos montes de Vigo

Montes de Vigo participa na organización da X Andaina polos montes de Vigo promovida pola Concellería de Medio Ambiente e que conta coa colaboración de Vegalsa-Eroski. Terá lugar o domingo 11 de maio, pola mañá, sendo a base de operacións o Parque Forestal do Vixiador (localización Google Maps)

Inscrición no 010 (986810260 dende móbil): dende o mércores 30 de abril ata o venres 9 de maio, as 13 horas. Tal e como se indica máis abaixo, será necesario apuntarse nunha das andainas previstas e que están adaptadas as características dos distintos públicos. Ademáis, haberá exposicións e actividades infantis.

O obxectivo que se persigue con este evento é dar a coñecer os recursos dispoñibles nos montes periurbanos de Vigo: parques forestais e sendeiros locais, onde nos podemos achegar ao patrimonio natural, así como algúns dos miradoiros e espazos etnoarqueolóxicos máis destacados da cidade.

Nesta edición daranse a coñecer os servizos ecosistémicos que aportan os montes á sociedade nun espazo emblemático como o Parque Forestal do Vixiador, na Comunidade de Montes de Candeán. Particularmente falarase dos servizos recreativo-culturais, dos que O Vixiador é unha boa mostra, así como dos servizos de regulación hídrica e de regulación de CO2 ou do efecto illa ante a onda de calor dos períodos de altas temperaturas cada vez máis frecuentes.

As andainas previstas circularán polos sendeiros locais de Candeán e de Cabral, pasando tamén polos parques forestais de Bandeira e de Cotogrande ou por lugares de interese arqueolóxicos como a Mámoa do Vixiador ou a Necrópole da Chan dos Touciños (a carón do Cemiterio de Candeán). A súa vez permitirán comprobar unha variedade de plantacións forestais, coas curiosidades das sequoias e das oliveiras plantadas en Candeán, así como o problema das especies exóticas invasoras.

A programación vai dirixida á poboación en xeral, cun apartado específico para público infantil. Os percorridos detallados con horarios e trazados están dispoñibles na web de Camiño a Camiño (AQUI).

Esta actividade conecta co proxecto “Valorización e xestión sostibles dos servizos ecosistémicos mancomunados dos montes periurbanos de Vigo” desenvolvido pola Mancomunidade de Montes de Vigo que conta co apoio da Fundación Biodiversidad del Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia (PRTR), financiado pola Unión Europea - NextGenerationEU