Presentada a IX Trail Montes de Vigo no Eroski-Center de Portanet

Intervención do Presidente de Montes de Vigo no acto de presentación da IX Trail Montes de Vigo

O Eroski Center de Portanet acolleu a presentación do IX Trail Montes de Vigo, que se celebrará o domingo 12 de outubro en horario de mañá. A proba, organizada pola Mancomunidade de Montes de Vigo co apoio de Vegalsa-Eroski, Concello de Vigo, Deputación de Pontevedra e Vitaldin Sport, busca promover o uso social e sostible dos montes periurbanos e concienciar sobre o seu coidado para previr incendios.

No acto de presentación acompañaron ao Presidente de Montes de Vigo, Uxío González, a directora de Sostenibilidade e Comunicación Corporativa de Vegalsa-Eroski, Gabriela González, a Concelleira de Medio Ambiente, Núria González, e a Diputada provincial de Deportes, Luísa Sánchez.

O Trail contará con dúas distancias (24 e 14 km) e cunha andaina familiar polos montes de Beade, con saída e meta no Parque Forestal de Beade e percorrido polos montes de Zamáns e polo Galiñeiro. As persoas interesadas poderán inscribirse ata o 8 de outubro en deporticket.com (AQUI)

Como novidade, este ano o trail forma parte da Pontevedra Trail League, o que lle dá un maior nivel competitivo. Todos os participantes recibirán dorsal, camiseta conmemorativa e avituallamentos ofrecidos por Vegalsa-Eroski, e entregaranse trofeos aos tres primeiros de cada categoría.

Esta actividade conecta co proxecto “Valorización e xestión sostibles dos servizos ecosistémicos mancomunados dos montes periurbanos de Vigo” desenvolvido pola Mancomunidade de Montes de Vigo que conta co apoio da Fundación Biodiversidad del Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia (PRTR), financiado pola Unión Europea - NextGenerationEU