Infraestructuras verdes, territorio resilente e transición enerxética comunitaria: temáticas de interese para Montes de Vigo

Directivos de Montes de Vigo no Encontro de Transición Enerxética Comunitaria

Esta última semana de maio resultou intensa en intercambio de experiencias e coñecementos sobre aspectos de moito interese para as Comunidades de Montes de Vigo: novas liñas de traballo na xestión comunitaria do monte.

O martes 26 de maio tivo lugar o Congreso Green Gap baixo o título "Innovación en infraestructuras verdes", promovido polo Concello de Pontevedra. Aparte de afondar na experiencia que en distintas cidades de España e Portugal están tendo sobre as infraestructuras verdes, tamén se abordou un aspecto novidoso: os modelos de custodia do territorio para abordar a xestión destas infraestruturas verdes. Este aspecto é unha liña de traballo que se ve como fórmula de traballo coa Fundación Montes de Vigo 2046.

Mesa redonda sobre custodia do territorio en Green Gap (Pontevedra)

O xoves 28 de maio celebrouse o Foro Territorio Rural Resilente en Santiago, promovido pola Fundación Juana de Vega e o Laboratorio do Territorio da USC. Presentouse o Plan estratéxico do Foro e as liñas de actuación abertas, nas que se implicaron entidades sociais, administracións públicas e empresas interesadas en promover o desenvolvemento sostible do rural galego e comprometidas en achegar coñecemento e recursos para executar o citado plan. Máis de 120 entidades se adheriron á Alianza polo Territorio Rural Resilente, entre as que atopa a Mancomunidade de Montes de Vigo. Máis información nesta NOVA de Campo Galego.

Plenario do Foro Territorio Rural Resilente na Cidade da Cultura

Para rematar, este venres 29 de maio tivo lugar o Encontro de entidades comunitarias que traballan e impulsan a Transición Enerxética Comunitaria, promovido polo Observatorio Eólico de Galicia. Un interesante lugar de encontro no que moitas Comunidades de Montes están explorando vías de xestionar o seu territorio dun xeito comprometido co seu entorno e alternativo ao modelo imperante.