Faro de Vigo recolle a proposta de Montes de Vigo para investir na prevención e na infraestrutura verde da cidade

Nova na edición dixital de Faro de Vigo

A información publicada por Faro de Vigo (VER) sitúa de novo no debate público unha cuestión que Montes de Vigo vén trasladando ás administracións: a necesidade de preparar a cidade fronte aos grandes incendios forestais e de garantir unha xestión dos montes acorde coa súa importancia para a poboación.

A nova lembra que Vigo superou un verán de condicións meteorolóxicas difíciles sen sufrir incendios forestais. Un resultado positivo que debe animarnos a seguir traballando na prevención, sabendo que a experiencia de 2017 continúa moi presente nas parroquias e que a protección das vivendas e da veciñanza require actuacións sostidas no tempo.

Panorámica do Monte Alba despois do lume de outubro de 2017

A proposta presentada no rexistro municipal o pasado 9 de setembro concreta tres partidas para comezar a avanzar en 2027:

  • 1,5 millóns de euros para iniciar a execución do Anel Verde, dentro dun programa plurianual. Esta infraestrutura debería combinar a continuidade ecolóxica e paisaxística coa prevención fronte ao lume nas zonas de contacto entre o monte e as áreas habitadas.
  • 1 millón de euros para renovar as infraestruturas verdes periurbanas, como primeira anualidade dun plan 2027–2030 destinado a parques forestais, sendeiros, miradoiros e outros espazos de uso cidadán.
  • 500.000 euros para xestión e mantemento, atendendo actuacións que non estean cubertas polos contratos municipais ordinarios.

Estas necesidades están apoiadas nos estudos desenvolvidos coa participación da Universidade de Vigo e financiamento da Fundación Biodiversidade. As estimacións sitúan o uso dos parques forestais en arredor de 200.000 persoas distintas e 3 millóns de visitas anuais, ao tempo que identifican carencias de conservación, sinalización, accesibilidade e servizos.

Xunto con estas partidas, a proposta reclama unha dotación específica para elaborar e implantar o Plan de Actuación Municipal ante incendios forestais. Preparar os avisos á poboación, as opcións de evacuación ou confinamento e os puntos seguros resulta especialmente relevante nun territorio no que arredor de 80.000 persoas viven en parroquias periurbanas con presenza de monte.

A repercusión en Faro de Vigo contribúe a facer visible unha demanda que afecta ao conxunto da cidade. Os Orzamentos de 2027 ofrecen unha oportunidade concreta para pasar da planificación á execución, con recursos, continuidade e colaboración entre o Concello e as comunidades de montes.

Pódese consultar aquí a proposta publicada por Montes de Vigo.

‍