O Pleno municipal de Vigo aproba a moción a prol do coidado dos montes de Vigo
%20-%20Foto.jpg)
O Pleno Municipal de Vigo aprobou a moción proposta polo grupo municipal do BNG no que se instaba a "PROTECCIÓN E VALORIZACIÓN DOS MONTES PERIRUBANOS DA CIDADE DE VIGO" (ver NOVA do 27/6/26). Votaron a favor os concelleiros e concelleiras do BNG e do PP, e abstivéronse as do PSOE.
Así queda recollida na web do Concello de Vigo:
%20-%20texto.jpg)
Medidas propostas na moción do BNG aprobada:
1.Instar a Xunta de Galiza e ao Goberno municipal a cooperaren no exercicio das súas respectivas competencias para a mellor atención, valorización e protección dos montes perirubanos da cidade de Vigo, financiando o desenvolvemento do proxecto de Anel Verde e a implementación de faixas secundarias de protección forestal e defensa contra os incendios en colaboración coas comunidades de montes.
2.Declarar formalmente Vigo como "Cidade libre de eucaliptos e outras especies pirófitas ou invasoras", e instar a Xunta de Galiza e Goberno municipal a desenvolveren, xunto á Mancomunidade de Montes de Vigo, un plan plurianual para a súa substitución progresiva por masas forestais de frondosas autóctonas de alta resiliencia e baixa inflamabilidade.
3.Instar ao Goberno do Estado e á Xunta de Galiza a habilitar liñas de financiamento estábeis e plurianuais dirixidas á conservación e resiliencia climática dos montes periurbanos de Vigo, aliñadas cos obxectivos da Estratexia Europea de Infraestruturas Verdes e da Lei de Restauración da Natureza.
4.Instar ao Goberno municipal a dotar unha partida anual de como mínimo 1 millón de euros para o investimento, actualización e mellora das infraestruturas verdes periurbanas (parques forestais, sendeiros, miradoiros, áreas de descanso, sinalización integrada e accesibilidade) en liña coas propostas técnicas da Mancomunidade de Montes de Vigo e o proxecto Montes de Vigo 2046.
5.Instar ao Goberno municipal a desenvolver, en colaboración coa Mancomunidade de Montes de Vigo, un Programa Municipal de Patrimonio Natural e Cultural dos Montes Periurbanos que permita a conservación, sinalización, divulgación e posta en valor dos elementos arqueolóxicos,etnográficos e históricos existentes nos montes veciñais, promovendo a súa integración nas políticas educativas, culturais e turísticas da cidade.
6.Instar ao Goberno municipal a desenvolver un Plan de Accesibilidade Sustentábel aos Montes de Vigo a través de transporte público que reestructure e reforce de xeito inmediato as liñas e frecuencias cara ás parroquias e accesos forestais, con especial atención ás fins de semana e festivos, avaliando a implantación de liñas lanzadeira específicas para garantir o libre acceso aos refuxios climáticos sen depender do coche.
7.Instar ao Goberno municipal a constituír a "Mesa Permanente dos Montes de Vigo" como un órgano estábel de coordinación entre o Concello, a Mancomunidade de Montes e as comunidades veciñais en man común para o seguimento, planificación e avaliación de todas as actuacións que afecten ao territorio forestal.
8.Instar ao Goberno municipal a elaborar no prazo máximo de seis meses un Plan Municipal Integral de Protección, Valorización e Uso Social dos Montes Periurbanos de Vigo en colaboración coas comunidades de montes, a Universidade de Vigo e o tecido ecoloxista e veciñal da cidade.
9.Instar ao Goberno municipal a incrementar substancialmente os medios materiais e persoais municipais dedicados á vixilancia, prevención de lumes e primeira intervención durante todo o ano, endurecendo as inspeccións e sancións para erradicar o depósito de vertidos e restos de obras no monte.
10.Instar ao Goberno municipal a impulsar e cofinanciar programas de educación ambiental e voluntariado que involucren á cidadanía e ao alumnado vigués no coñecemento dos valores ecosistémicos do monte, potenciando e ampliando iniciativas de éxito como "Os montes de Vigo na Escola".
