"Ollos no monte - Vigo": a campaña de vixilancia e coordinación comunitaria promovida por Montes de Vigo
A Mancomunidade de Montes de Vigo activa unha campaña de vixilancia preventiva e coordinación comunitaria denominada "Ollos no Monte Vigo", dando continuidade á experiencia de 2025.
Será presentada públicamente o mércores 17 de xuño ás 12:00 no Monte dos Pozos (Comunidade de montes de Valladares) (ver LOCALIZACIÓN) coa participación de representantes das 14 comunidades de montes membros da Mancomunidade, así como coa presenza dos máis de 40 traballadores e traballadoras que actualmente están realizando labores nos montes de Vigo.
Para máis información contactar con Xosé Antón (608 046 047)

UNHA INICIATIVA A PARTIR DAS XORNADAS DE GOIÁN (13/6/26)
A proposta nace tras a xornada de formación celebrada o pasado 13 de xuño en Goián, centrada na prevención, autoprotección, detección e apoio organizado ante incendios forestais (ver AQUI nova publicada nesta web). A iniciativa toma como referencia a experiencia da Mancomunidade de Montes do Baixo Miño, que vén de activar o programa Ollos no Monte despois de que na súa primeira edición, en 2025, contribuíse á detección temperá de 14 conatos de incendio.
OLLOS NO MONTE - VIGO
Montes de Vigo considera que o territorio vigués reúne condicións que fan especialmente necesaria unha resposta organizada: unha ampla superficie de monte periurbano, unha forte presenza de inter-face urbano-forestal, numerosos accesos e pistas, usos recreativos intensos e a memoria aínda recente dos incendios de outubro de 2017 onde o lume chegou a porta das casas e dos parques empresariais. Nesta tempada 2026 xa houbo os primeiros conatos de incendio no mes de maio nos montes de Saiáns.
Na presentación da Campaña que terá lugar no Monte dos Pozos este mércores 17 de xuño, ás 12:00, daranse a coñecer as liñas básicas de actuación e os obxectivos que persigue, así como as demandas de coordinación coas institucións implicadas.
