"Ollos no monte - Vigo" foi presentada en Monte dos Pozos

Momento da presentación da Campaña "Ollos no Monte - Vigo"

RESUMO DE PRENSA

Faro de Vigo: Papel e Dixital / Dixital2

Voz de Galicia

Atlántico Diario

Televigo

NOTA DE PRENSA

Montes de Vigo impulsa “Ollos no Monte 2026 – Vigo” para reforzar aprevención dos incendios forestais

A Mancomunidade de Montes de Vigo activa unha campaña de vixilancia preventiva e coordinación comunitaria, dando continuidade á experiencia de 2025 e tomando como referencia o programa promovido pola súahomónima do Baixo Miño. Para máis información contactar con Secretario Técnico da Mancomunidade (608 046 047, servizos@montesdevigo.org)

UNHA INICIATIVA A PARTIR DAS XORNADAS DE GOIÁN (13/6/26)

A proposta nace tras a xornada de formación celebrada o pasado 13 de xuño en Goián, centrada na prevención, autoprotección, detección e apoio organizado ante incendios forestais (ver AQUI nova publicada nesta web). A iniciativa toma como referencia a experiencia da Mancomunidade de Montes do Baixo Miño, que vén de activar o programa Ollos no Monte despois de que na súa primeira edición, en 2025, contribuíse á detección temperá de 14 conatos de incendio.

OLLOS NO MONTE - VIGO: A XUSTIFICACIÓN

Montes de Vigo considera que o territorio vigués reúne condicións que fan especialmente necesaria unha resposta organizada: unha ampla superficie de monte periurbano, unha forte presenza de inter-face urbano-forestal, numerosos accesos e pistas, usos recreativos intensos e a memoria aínda recente dos incendios de outubro de 2017 onde o lume chegou a porta das casas e dos parques empresariais. Nesta tempada 2026 xa houbo os primeiros conatos de incendio no mes de maio nos montes de Saiáns.

Uxío González, presidente da Mancomunidade de Montes de Vigo, fai tres reflexións:
1.Vigo non pode esperar a que o lume estea enriba das casas para reaccionar. A preven-ción empeza antes: cun monte xestionado, con comunidades organizadas, con información clara, con canles de aviso e cunha cidadanía consciente de que vive ao carón dun territorio forestal que hai que coidar e defender
2.Os incendios actuais xa non son só un problema forestal. Cando un lume supera o primei-ro ataque convértese nun problema de protección civil: afecta a vivendas, camiños, persoas maiores, mobilidade, evacuacións e seguridade cidadá. Por iso a prevención debe ser com-partida, pero tamén esixe responsabilidade pública, planificación e recursos
3.Evidentemente, non estamos falando de substituír os medios profesionais nin as compe-tencias das administracións, senón de activar unha rede social e comunitaria que axude a ver antes, avisar mellor e actuar con máis coordinación. Isto é o que fan en rexións nos que se toman en serio a prevención contando coa participación da ciudadanía e que así quedou reflectido nas conclusións do equipo de expertos que se presentou no Parlamento de Galicia.

Primeiro conato de incendio nos montes de Saiáns (27/5/26)
OLLOS NO MONTE - VIGO: LIÑAS DE ACTUACIÓN

A Campaña “Ollos no Monte 2026 – Vigo” estrutúrase arredor de cinco liñas básicas:
• Vixilancia preventiva en días de risco;
• Detección temperá de fume, lume ou comportamentos perigosos;
• Comunicación ordenada de avisos;
• Coordinación cos medios profesionais;
• apoio organizado das comunidades de montes en situacións de emerxencia.

A campaña, ademáis, pretende exercer un efecto disuasorio fronte a condutas neglixentes ou intencionadas, especialmente en días de alto risco. Para ilo incluirá a observación de accesos e zonas especialmente vulnerables nos montes de Vigo, sempre desde unha perspectiva preventiva, organizada e coordinada, trasladando a información recopilada ás autoridades competentes.

Vixianza por parte da Mancomunidade de Montes de Vigo durante o verán de 2025
OLLOS NO MONTE - VIGO: PRIMEIROS PASOS

Como primeiro paso na edición de 2026, o mércores 17 de xuño, no Monte dos Pozos (Valladares), celebrouse unha sesión de formación e coordinación dirixida a directivos das comunidades de montes de Vigo e aos máis de 40 contratados pola Mancomunidade e as Comunidades de Montes membro. O obxectivo é establecer criterios comúns de actuación, mellorar a coordinación interna, definir protocolos básicos de observación e aviso, e preparar unha resposta comunitaria ordenada ante episodios de alto risco.
O motivo da realización desta acción na Comunidade de Montes de Valladares é facerlle unha homenaxe a Gregorio Álvarez, presidente da mesma recentemente finado.

OLLOS NO MONTE - VIGO: COORDINACIÓN INSTITUCIONAL

Adicionalmente, a Mancomunidade insiste en que esta campaña debe entenderse dentro dunha estratexia máis ampla de prevención estrutural e por iso reclama unha maior implicación institucional do Concello de Vigo e da Xunta de Galicia na execución das medidas preventivas, entre elas a mellora das faixas de defensa primaria e secundaria, no establecemento de áreas de defensa estratéxica, no desenvolvemento efectivo do anel verde, así como coordinar as accións dos distintos axentes implicados na mesa de traballo a carón do “Plan Municipal de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais do Concello de Vigo -PMPFIF-“ aprobado en 2020.

En conclusión, coa posta en marcha de “Ollos no Monte 2026 – Vigo” quérese trasladar unha mensaxe clara: as comunidades de montes e a cidadanía poden desempeñar un papel importante na prevención, mais esa implicación precisa dunha coordinación estable co Concello de Vigo, co Distrito Forestal XVIII da Xunta de Galicia e cos servizos de emerxencia, así como dunha aposta sostida pola xestión forestal preventiva durante todo o ano.