"A autoprotección da veciñanza fronte ao risco de incendios nos montes periurbanos de Vigo", nova recollida polos medios

A primeira charla sobre prevención e autoprotección fronte aos incendios forestais promovida pola Mancomunidade de Montes de Vigo dentro da campaña Ollos no Monte-Vigo acadou unha importante repercusión nos medios de comunicación, contribuíndo a situar no debate público a necesidade de preparar á poboación que vive na interface urbano-forestal.
A sesión celebrada na Comunidade de Montes de Matamá contou cunha ampla cobertura informativa. Faro de Vigo levou a iniciativa ás súas principais informacións da edición impresa, mentres diferentes axencias e medios audiovisuais recolleron tamén a experiencia e as mensaxes trasladadas durante a charla. TVE Galicia dedicoulle unha ampla reportaxe, achegando á cidadanía algunhas das recomendacións prácticas explicadas durante a sesión.
A repercusión confirma o interese crecente por unha realidade que afecta especialmente a Vigo: a proximidade entre as masas forestais e numerosos núcleos de poboación, vivendas, centros educativos, instalacións deportivas, polígonos industriais e outras infraestruturas.

“Hai milleiros de vivendas en perigo e temos que facer algo”
Esta foi unha das mensaxes trasladadas aos medios polo presidente da Mancomunidade de Montes de Vigo, Uxío González Pérez, quen incidiu na necesidade de complementar a prevención forestal coa preparación da propia poboación.
Os incendios forestais son cada vez máis intensos e rápidos e poden converterse nunha emerxencia de protección civil cando alcanzan zonas habitadas. Por iso, ademais de actuar sobre o territorio e sobre a vexetación, resulta imprescindible que as persoas que viven preto do monte coñezan como reducir a vulnerabilidade das súas vivendas e como actuar se o lume se aproxima.
A información distribuída aos medios puxo especialmente o foco en cuestións abordadas polo axente ambiental Alberto Dávila durante a charla: manter afastados das vivendas os elementos que poidan favorecer a propagación do lume, limpar tellados e canalóns, evitar determinados materiais inflamables no exterior e, sobre todo, comprender a diferenza entre confinamento e evacuación regulamentada.
Unha das mensaxes máis relevantes é que unha evacuación nunca debe improvisarse. Debe realizarse baixo indicación das autoridades, coñecendo as vías de saída e os lugares seguros, xa que abandonar unha vivenda sen planificación cando o incendio xa está próximo pode incrementar o risco.
Levar a información ás parroquias
A experiencia desenvolvida en Matamá constitúe o primeiro paso dunha iniciativa que a Mancomunidade de Montes de Vigo pretende estender ás parroquias da cidade.
O obxectivo é achegar directamente á veciñanza información práctica impartida por persoal coñecedor dos incendios forestais, resolver dúbidas e contribuír a que cada persoa poida identificar previamente os riscos existentes arredor da súa vivenda.
A Mancomunidade considera necesario avanzar neste traballo en coordinación co Distrito Forestal XVIII e co Concello de Vigo, incorporando progresivamente a prevención e a autoprotección á cultura das parroquias situadas na interface urbano-forestal.
A ampla repercusión acadada pola primeira charla evidencia que existe preocupación e demanda de información. Para a Mancomunidade de Montes de Vigo, a mensaxe é clara: non se trata de xerar alarma, senón de anticiparse ao risco e conseguir unha cidadanía mellor informada e preparada fronte aos incendios forestais.
Información relacionada
– Vivir preto do monte en Vigo: prevención e autoprotección fronte aos incendios forestais (con enlaces ás Guías) AQUI
– Primeira charla sobre prevención e autoprotección dentro da campaña Ollos no Monte-Vigo AQUI
– Cobertura da iniciativa en Faro de Vigo AQUI e TVE Galicia AQUI