Presentación do 30 aniversario da Mancomunidade de Montes de Vigo

PROGRAMA
A Mancomunidade de Montes de Vigo ten previso celebrar os actos de celebración dos 30 anos da súa creación. Terá lugar no Parque Forestal de Beade o vindeiro sábado 11 de xullo, co seguinte programa:
12:00 Constitución da Fundación Montes de Vigo 2046. Dirixido ás Comunidades de Montes membro da Mancomunidade e persoas convidadas.
12:30 Acto público conmemorativo do 30 aniversario. Ao longo do acto realizarase un recoñecemento a aquelas persoas que contribuiron de xeito destacado nas distintas Comunidades de Montes de Vigo ao avance das súas entidades e da Mancomunidade. Tamén haberá ocasión da intervención de distintas persoalidades convidadas.
14:00 Xantar de confraternización. Por motivos organizativos será preciso reserva previa ou invitación
Máis información: 608 046 047 | montesdevigo@gmail.com

30 ANOS DE MONTES DE VIGO: POR UN PACTO COA SOCIEADE VIGUESA
O 20 de xullo de 1996 iniciouse o proceso constituínte da Mancomunidade de Montes de Vigo baixo un lema que segue a conservar plena actualidade: “O monte: o noso proxecto, o noso futuro. Desfrútao e cóidao connosco”.
Daquela, doce comunidades de montes participaron na creación da primeira mancomunidade de montes de Galicia. Trinta anos despois, a Mancomunidade de Montes de Vigo está conformada por catorce entidades: Beade, Cabral, Candeán, Castrelos, Comesaña, Coruxo, Lavadores, Matamá, Oia, Saiáns, Teis, Valladares e Zamáns, xunto coa Entidade Local Menor de Bembrive.
A relevancia deste entramado social, vinculado ao movemento comunal vigués, ponse de manifesto en dous datos fundamentais. Por unha banda, arredor de 4.000 comuneiros e comuneiras forman parte deste modelo colectivo de propiedade e xestión. Por outra, os montes periurbanos representan máis do 15% do territorio de Vigo, cunha parte moi significativa destinada ao uso social, ambiental e recreativo da cidadanía.
Ao longo destas tres décadas percorreuse un camiño salientable para poñer en valor os montes periurbanos da cidade. A finais dos anos noventa e comezos do século XXI impulsouse a creación e consolidación dos parques forestais e miradoiros, con arredor de 35 hectáreas ao servizo da cidadanía. Tamén se reforzou o papel do monte como espazo sociocultural das parroquias, lugar de celebración, encontro e identidade comunitaria, ao tempo que se puxo en valor o patrimonio arqueolóxico mediante a creación de tres áreas etnoarqueolóxicas. A isto súmase unha rede de sendeiros de aproximadamente 130 quilómetros, desenvolvida en colaboración co Concello de Vigo.
%20red.jpg)
Os retos para 2046
O estudo realizado en 2025, co financiamento da Fundación Biodiversidade e en colaboración coa Universidade de Vigo, baixo o título “Valorización e xestión sostibles dos servizos ecosistémicos mancomunados dos montes periurbanos de Vigo”, permitiu actualizar a mirada sobre o papel dos montes na cidade e marcar os principais retos de cara a 2046, ano no que se cumprirá o 50 aniversario da Mancomunidade. Ver máis información AQUI.
Entre estes retos destacan a consolidación dos servizos recreativo-culturais que os montes xa prestan á sociedade viguesa, así como a incorporación de novas liñas de traballo vinculadas aos servizos hídricos, á captación de CO₂, á prevención de incendios forestais, á eliminación de especies invasoras, á mellora da biodiversidade e á ordenación sostible do territorio forestal.
A decisión estratéxica para afrontar esta nova etapa é a creación da Fundación Montes de Vigo 2046, concibida como unha ferramenta para reforzar a colaboración coas institucións públicas competentes e para abrir novas vías de participación coa sociedade viguesa: entidades sociais, empresas, administracións e cidadanía. No marco do acto conmemorativo do 30 aniversario está previsto, precisamente, avanzar na constitución desta fundación.
Un territorio que cómpre coidar e defender
Neste percorrido tamén houbo momentos críticos. Os lumes de outubro de 2017, que afectaron gravemente a arredor dun terzo dos montes de Vigo, evidenciaron a necesidade de abordar unha xestión proactiva do monte periurbano como faixa de protección da cidade fronte aos grandes incendios forestais, un fenómeno que, segundo advirten os expertos, volverá presentarse con intensidade se non se actúa de maneira preventiva.
Desde aquela, a Mancomunidade de Montes de Vigo impulsou actuacións de rexeneración dos montes queimados, ordenación do territorio forestal e prevención activa. Nesta liña, no ano 2026, e en colaboración coa Mancomunidade de Montes do Baixo Miño, púxose en marcha a campaña “Ollos no monte”, orientada á vixilancia preventiva, á detección temperá e á implicación social no coidado do territorio. Ver máis información AQUI.
Esta visión conecta coa formulada xa no ano 2006 polo proxecto NAVI – Natureza Viva, Plan de uso e xestión dos montes da Mancomunidade de Vigo, financiado a través dun proxecto europeo transfronteirizo Interreg. Unha das súas conclusións máis destacadas sinalaba que “os Montes de Vigo teñen que ofrecer á cidade unha crecente variedade de usos en consonancia coas novas demandas; pero os diversos usos han de resultar sempre harmonizables coa primacía da función ambiental e a oferta de espazos de lecer de calidade”.
Vinte anos despois, esa reflexión segue a ser plenamente vixente. A clave está en garantir unha xestión sostible do monte e en integrar os montes periurbanos na infraestrutura verde da cidade nun contexto de cambio climático imparable. Isto require un maior achegamento entre as comunidades de montes de Vigo e a sociedade viguesa, pero tamén unha maior corresponsabilidade cidadá e institucional respecto dos servizos ambientais, sociais e culturais que estes espazos prestan.
Cooperación institucional e novos compromisos
Unha boa mostra da colaboración público-comunitaria desenvolvida durante estes anos é o proxecto “Restauración e mantemento dos Montes de Vigo”, subvencionado polo Concello de Vigo. Grazas a este programa, durante os últimos catorce anos foi posible contratar entre 15 e 30 efectivos para cuadrillas de coidado dos montes, que actuaron sobre o terreo durante unha parte do ano.
Tamén nos últimos cinco anos se desenvolveron diversos Proxectos de inserción laboral e formación para o emprego, da man da Consellería de Emprego da Xunta de Galicia, que permitiron capacitar a máis de corenta peóns forestais. A isto cómpre engadir o Proxecto de rexeneración dos montes queimados en catro comunidades de montes, financiado pola Consellería do Medio Rural, que reforzou a estratexia de recuperación e prevención impulsada pola Mancomunidade.
Con todo, estes esforzos resultan claramente insuficientes para atender as crecentes necesidades do interface urbano-forestal de Vigo. Por este motivo, e tomando como referencia as conclusións do estudo de 2025, o Pleno do Concello de Vigo aprobou a moción “Protección e valorización dos montes periurbanos da cidade de Vigo”, a instancias do grupo municipal do BNG, na que se demanda unha maior cooperación das administracións coa Mancomunidade de Montes de Vigo e un incremento dos fondos destinados á protección, valorización e xestión sostible dos montes periurbanos. Ver máis información AQUI.
Neste novo escenario tamén poden ter cabida outras administracións como a Deputación de Pontevedra ou o Goberno do Estado, especialmente a través de proxectos vinculados ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.

Por un pacto coa sociedade viguesa
Por todo isto, o lema escollido para esta efeméride é “30 aniversario de Montes de Vigo: por un pacto coa sociedade viguesa”. Con el quérese expresar a vocación da Mancomunidade de Montes de Vigo de seguir contribuíndo ao benestar das parroquias e da cidade, poñendo en valor un modelo de xestión colectiva que forma parte da identidade do territorio. Ao mesmo tempo, o lema expresa a necesidade de avanzar nun novo acordo social, institucional e comunitario que permita compatibilizar o uso forestal, ambiental, cultural e sociorrecreativo dos montes periurbanos.
Os montes veciñais en man común son unha realidade singular, colectiva e viva. Durante trinta anos demostraron a súa capacidade para ofrecer espazos de lecer, natureza, convivencia, prevención e identidade. Mais tamén nos lembran que queda moito por facer.
Ese é o reto de cara a 2046: construír, entre as comunidades de montes, as administracións públicas e a sociedade viguesa, un modelo sostible, corresponsable e duradeiro para os montes que rodean e protexen Vigo.
